O Cristo das Caídas, o paso da Semana Santa pontevedresa que escenifica as tres caídas de Xesucristo camiño do Calvario, volveu saír á rúa un Luns Santo. Centos de persoas acompañaron á imaxe na primeira procesión que se celebra esta semana na Boa Vila.
Arroupado polos confrades da Vera Cruz e Misericordia -vestidos coas súas tradicionais túnicas negras e capuchóns morados coa cruz bordada en verde-, o Cristo saíu de San Bartolomé pouco despois das oito e media da tarde.
A procesión percorreu gran parte do centro histórico e, en tres puntos, o paseo Antonio Odriozola, a capela de Jesús Nazareno e a praza de Méndez Núñez, escenificáronse as tres caídas.
En todos eles, o coro Luís García Limeses e os Ex-Cantores dos Institutos interpretaron motetes para lembrar eses episodios.
Os confrades do Nuestro Jesús Padre del Silencio tomarán o relevo este Martes Santo coa procesión de Jesús Nazareno e María Santísima da Esperanza, na que estarán acompañados da confraría do Mayor Dolor.
O desfile sairá ás oito e media da tarde de San Bartolomé.