A procesión dos Pasos é, cada ano, a máis multitudinaria da Semana Santa de Pontevedra. E este 2017 non defraudou. Unha multitude saíu á rúa este Xoves Santo para presenciar a espectacularidade que lle dá ser a única das citas relixiosas destes días que congrega ás sete confrarías da cidade e a mil confrades procesionando á vez.
Os pasos da Última Cea (Cofradía del Mayor Dolor), a Oración de Jesús no Horto (Cofradía de Nuestra Señora del Amor Hermoso), Jesús Cativo e paso da Flaxelación de Jesús (Cofradía del Silencio), Jesús atado á columna (Cofradía del Cuerpo Santo), Ecce Homo (Cofradía del Espíritu Santo), Cristo coa Cruz ao lombo (Cofradía de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a cuestas) e Santísimo Cristo da expiración e Virxe da Soidade (Cofradía de la Vera-Cruz y Misericordia) percorreron a contorna de Santa María e o centro histórico deixando ao seu paso o silencio e o profundo respecto dos devotos pontevedreses.
Con esta procesión abriuse o Triduo Pascual, o período que ata a madrugada do domingo conmemorará a paixón, morte e resurrección de Cristo, ao grande e agora deixa o paso á xornada con máis actividade de toda a semana, un Venres Santo no que os actos principais serán as procesións do Encontro con Vía Crucis Penitencial e do Santo Enterro.
Ás 9.00 horas deste venres sairá o paso da Virxe da Soidade da igrexa de San Bartolomé e o paso de Cristo coa Cruz ao Lombo da basílica de Santa María, para atoparse na praza do Teucro. Tras ese encontro na cuarta estación do Vía Crucis, cada paso regresará á súa igrexa de orixe, levados por homes e mulleres, respectivamente. É a procesión do Encontro con Via Crucis Penitencial e organízana a Cofradía de la Vera-Cruz y Misericordia e a Cofradía de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a cuestas.
Xa pola tarde, a atención centrarase a partir das 20.00 horas na basílica de Santa María coa procesión Xeral do Santo Enterro, que realizará o percorrido habitual pola praza España, Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Soportais, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Alhóndiga para concluír, de novo, na avenida de Santa Maria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.