O desdobramento de Beiramar farase en dúas fases para que as obras non afecten o turismo en xullo e agosto

O Salnés
08 de maio 2020

O Concello do Grove adxudicaba de forma definitiva esta obra que, segundo o goberno local, permitirá unha mellora urbanística que axudará a desconxestionar o casco urbano da vila

Avenida Beiramar no Grove
Avenida Beiramar no Grove

A adxudicación definitiva das obras de desdobramento da Avenida de Beiramar no Grove realizábase este venres a través da mesa de contratación municipal. Este proxecto queda agora pendente de informes municipais que se resolverán de inmediato, segundo o goberno local, para que en 10 días a empresa adxudicataria presente o aval e asine o contrato.

Desta forma, o goberno de Jose Cacabelos espera que as obras comecen de inmediato para afrontar a primeira fase, que se iniciará na Estación de autobuses e chegará ata a Fonte dos Cabalos. Será un tramo complexo porque está prevista a ampliación de dous carrís, ademais de renovarse a rede de sumidoiros. O Concello recoñece que a actual tubaxe ofrece un estado lamentable e presenta continuas roturas. 

O proxecto contempla a ampliación a catro metros de acéiraa fronte ao Paseo marítimo. Esta decisión, segundo espera Cacabelos, converterase nun elemento fundamental para fortalecer a actividade comercial e hostaleira nesa rúa.

As obras desta primeira fase finalizarán a principios de xullo e iso permitirá para as obras durante os meses de máis actividade turística do verán. Os traballos retomaranse en setembro cando se acometa a segunda fase, entre a Fonte dos Cabalos e o cruzamento coa Rúa Castelao. Neste caso, o proxecto é máis sinxelo. Vai acometerse o recorte de 3 metros de ancho do paseo para manter as zonas de aparcamento e melloraranse as beirarrúas do outro lado, establecendo dous carrís de tráfico en todo o tramo.