As obras para o desdobramento da Avenida de Beiramar, no Grove, retomaranse o vindeiro luns 21 de setembro. Este venres tivo lugar unha reunión técnica para planificar a organización dos traballos que foran aprazados hai uns meses para evitar prexudicar a tempada de verán.
A actividade volverá a próxima semana coa realización do pertinente estudo topográfico, para continuar logo cos traballos de campo co obxectivo de concluír a obra nun prazo máximo de tres meses.
Para o desenvolvemento do proxecto destináronse dúas cuadrillas de operarios que traballarán de forma simultánea tanto no primeiro como no segundo tramo para axilizar así o proceso o máximo posible. Nestas primeiras xornadas de actividade non será necesario cortar o tráfico, puntualizan desde o Concello.
O goberno local lembra que este plan permitirá contar cunha vía de entrada e outra de saída da localidade e que servirá para mellorar tamén a subministración de auga á zona, ademais de mellorar e ampliar as beirarrúas e as zonas de aparcamento.
A execución dos traballos obrigará a que o mercado semanal dos venres regrese á súa localización anterior na Praza do Corgo a partir do 1 de outubro.