O deseñador Franco Quintáns e as xoierías de Pontevedra renden homenaxe a Carmen Arias, 'Minina'

Pontevedra
21 de agosto 2021

Desde este venres, as xoierías Joyamar, Palamios, Suárez, Ferse, Pilar Álvarez (situada no mercado), Quique, Cofal, Auri e Hermida Tendencias teñen expostas e á venda xoias deseñadas por Loli Beloso en recordo de 'Minina'. En dúas delas, ademais, están sobre modelos do deseñador de Vilagarcía Franco Quintáns

Xoia ' Estrela Sol para Mimina' nunha xoiaría de Pontevedra
Xoia ' Estrela Sol para Mimina' nunha xoiaría de Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra segue a lembrar o centenario do nacemento de Carmen Arias de Castro Montero, Mimina, compañeira do intelectual Isaac Díaz Pardo, peza fundamental no proxecto da Fábrica de Cerámica do Castro e de Sargadelos, debuxante e deseñadora de xoias. Como sucede desde hai varios meses, faino da man da pontevedresa Loli Beloso, que xa organizou unha exposición e actos na súa honra no fogar da súa nai en Tomeza. Agora, esta homenaxe chega ás xoiarías da cidade. 

Desde este venres, as xoierías Joyamar, Palamios, Suárez, Ferse, Pilar Álvarez (situada no mercado), Quique, Cofal, Auri e Hermida Tendencias teñen expostas e á venda xoias deseñadas por Loli Beloso en recordo de 'Minina' e que, ademais, teñen fins solidarios porque todas as vendas irán destinadas integramente a axudar á investigación contra o cancro a través do Grupo de Medicina Xenómica que dirixe Ángel Carracedo na Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto co que adoita colaborar Loli Beloso.

Todas estas xoierías amosan o colgante conmemorativo 'Estrela Sol para Mimina', un deseño de Beloso decorado por Teresiña Reimúndez, fiel colaboradora de Isaac Díaz Pardo. 

Ademais, dúas destas xoierías van un paso máis aló e unen xoias, moda e solidariedade, pois expoñen dous deseños de Loli Beloso sobre dous modelos do famoso deseñador de moda Franco Quintáns, natural de Vilagarcía e recoñecido a nivel internacional. Gañou en 2014 o Dedal de Ouro. 

Quintáns apoia esta homenaxe a 'Minina' e na xoiería Palamios expón un deseño que inclúe a xoia 'Isaac arrolado pola roseira de Loli, deseñada por Beloso en honor a Díaz Pardo e feita por David Pérez.

Na xoiería Suárez, o modelo de Quintáns está acompañado pola xoia 'Flor do Toxo', feita a man por Gregorio Eduardo Sánchez e que representa as tres fábricas de porcelana de Mimina e Isaac, Castro, Celtia e Sargadelos. Trátase dunha xoia deseñada para o centenario de 'Minina'.