Apenas queda unha semana para que os interesados en acceder ás axudas das áreas de rehabilitación integral (ARI) de Estribela e do centro histórico da cidade poidan presentar os seus proxectos. O prazo rematará o vindeiro 20 de xaneiro.
Ata o de agora a Oficina de Rehabilitación do Concello de Pontevedra ten recibido varias solicitudes, pero lembra que o prazo continúa aberto para todos os propietarios que queiran rehabilitar as súas vivendas ou edificios.
As axudas, xestionadas polo Concello de Pontevedra pero concedidas polo Ministerio de Fomento, permitirá realizar 58 actuacións en Estribela por un montante total de 76.744,05 euros; e 100 actuacións no centro histórico por valor de 503.036,86 euros.
Os proxectos que concorran a estas axudas recibirán o 35% do custe da obra e dos honorarios dos técnicos (sen IVE), ata un máximo de 11.000 euros por vivenda.
Con estas axudas poderanse acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios -agás acabados e decoración- e entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa, eficiencia enerxética ou espazos comúns dos edificios.
As persoas interesadas en solicitar estas axudas poderán dirixirse á Oficina de Rehabilitación do Concello de Pontevedra, situada na rúa Don Filiberto (lateral do Teatro Principal), en horario de 8.30 a 14.30 horas. Tamén no teléfono 986 804 335, no enderezo electrónico [email protected] ou na páxina web do Concello.