A delegación territorial da Xunta en Pontevedra acolleu este martes a reunión de seguimento de convenios de prevención e defensa contra o lume cos 18 concellos que forman parte do distrito XIX.
Dende 2016 os convenios de colaboración que asinan anualmente os concellos e a Xunta teñen carácter trianual. No caso do distrito XIX, o convenio permitirá levar a cabo rozas en 248 hectáreas, cun investimento total de 454.556 euros para esta zona, contando con 12 brigadas que supoñen 59 traballadores e sete motobombas.
Segundo informou a Xunta, o orzamento global para a provincia será de 929.606 euros, desglosados en 20 brigadas, 98 brigadistas e 17 motobombas, o que permitirá actuar sobre un total de 1.269 hectáreas. A todo o anterior hai que sumar as cinco brigadas fixas-discontinuas coas que conta a Consellería de Medio Rural no distrito XIX.
O obxectivo é seguir na limpeza dos montes, de cara a telos preparados para esta etapa estival, intentando así minimizar os posibles lumes que se puideran xerar. Así neste distrito limpáronse xa 18 quilómetros e se executaron tratamentos silvícolas preventivos en 25 hectáreas, investíndose nestes traballos, levados a cabo nos concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas, Cuntis, Meis, Barro e Poio, por un total de 58.000 euros.
No presente trimestre contratáronse labores similares nos concellos de Vilagarcía, Catoira, Meis e Valga dentro deste distrito. Deste xeito, actuarase sobre 73,6 hectáreas e investiranse case 110.000 euros.