O dó pola traxedia do Villa de Pitanxo reduce as actividades do Entroido en Marín

Marín
21 de febreiro 2022

Os eventos van centrarse na fin de semana e no público infantil. A decoración que estaba prevista para a fachada do Concello trasládase ao Parque Eguren. Mantense a anunciada no Palco da Música, pero non se instalará ata o sábado

Exposición sobre o Entroido de Ourense no Manuel Torres Concello de Marín

O goberno local de Marín decidiu rebaixar os actos e a decoración que se programou con motivo do Entroido deste ano debido á traxedia do barco Villa de  Pitanxo.

Fontes municipais anuncian que a decoración prevista na fachada do Concello vai trasladarse ao Parque Eguren. Manterase a anunciada no Palco da Música, pero non se instalará ata a fin de semana. 

Do mesmo xeito, a actividade festiva para público infantil que ía desenvolverse na Alameda será agora organizada no Parque Eguren. As actividades relacionadas co Enterro da Sardiña tamén foron suspendidas pola entidade organizadora, o Ateneo Santa Cecilia.

Durante estes días si se pode visitar a exposición do Entroido tradicional de Ourense no Museo Torres. Alí pódense ver, entre outras, figuras de cigarróns e ao Castrón Meco, un elemento emblemático no Entroido de  Rebordondo. Esta mostra poderase visitar ata o 13 de marzo.