O Entroido de Moraña terá desfile e actividades de animación infantil

Umia
10 de febreiro 2022

Tras a melloría das condicións epidemiolóxicas xeradas pola covid-19, Moraña decidiu seguir adiante coa súa programación de Entroido. Así, segundo está a ultimar o departamento municipal de Cultura, haberá desfile e actividades de animación para toda a familia

Xuntanza para preparar o Entroido de Moraña

Tras a melloría das condicións epidemiolóxicas xeradas pola covid-19, Moraña decidiu seguir adiante coa súa programación de Entroido. Así, segundo está a ultimar o departamento municipal de Cultura, haberá desfile e actividades de animación para toda a familia.

O desfile celebrarase o domingo 27 e sairá ás 17.00 horas do Multiusos, para percorrer posteriormente as rúas de Santa Lucía.

Este ano, a xente que queira optar aos premios non poderá inscribirse o mesmo día do desfile, senón que terá que facelo con antelación, a través da sede electrónica do Concello ou na biblioteca. Para isto, haberá de prazo entre o 14 e o 24 de febreiro.

A partir de entón, todas as persoas que se inscriban poderán participar no desfile pero non poderán optar aos premios que, en total, repartirán 1.725 euros.

A maiores, as comparsas que estean formadas por quince ou máis membros empadroados no Concello de Moraña terán unha axuda de 150 euros só por participar no desfile.

Tras o desfile, haberá animación para os máis pequenos "e en xeral para toda a familia", explica o alcalde, José Cela, que pola contra avanza que "teremos que esperar ao último momento" para ver se se pode organizar o tradicional reparto de orellas.