O Espazo Concilia de Poio inicia a súa actividade estival

Pontevedra
06 de xullo 2020

O Espazo Concilia desenvólvese no CEIP Viñas en horario de mañá ata o 9 de setembro e aínda quedan prazas libres para menores de 3 a 12 anos

Espazo Concilia do Concello de Poio Concello de Poio

O Espazo Concilia, da concellería de Igualdade do Concello de Poio, púxose en marcha este luns cun amplo catálogo de talleres artísticos, contos ou deportivos para os máis pequenos da familia. A ludoteca permanecerá aberta ata o próximo 9 de setembro co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias de Poio. 

Esta ludoteca desenvólvese no CEIP Viñas, cuxas instalacións facilitan o cumprimento das normas sanitarias para previr os contagios por Covid-19.

"Tendo en conta o contexto no que nos atopamos, logo de varios meses de confinamento, entendemos que o Concello ten que ofrecer á veciñanza un servizo destas características, para permitir que a actividade laboral teña o menor impacto posible na conciliación familiar e ofrecer aos nenos e nenas un espazo lúdico e de socialización", indica a concelleira Silvia Diaz.

As actividades desenvólvense en horario de 8.30 horas a 14.30 horas para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Actualmente son 26 os menores rexistrados nesta ludoteca, pero desde o goberno local explican que aínda quedan prazas dispoñibles.

As tarifas son de 25 euros ao mes para os meses de xullo e agosto, mentres que para setembro redúcese a 10 euros.