O estacionamento temporal do Burgo abrirá durante esta semana

Pontevedra
24 de novembro 2013

Este aparcadoiro disuasorio atópase situado na parcela anexa a Pasarón e dará cabida a máis de cen vehículos

Terreo sen urbanizar no contorno do estadio de Pasarón PontevedraViva

Ao longo desta última semana de novembro está previsto que o estacionamento disuasorio e temporal do Burgo se encontre habilitado para dar cabida a máis de cen vehículos.

O concelleiro responsable deste barrio, Luis Bará, manutvo unha reunión para coñecer o estado das obras de acondicionamento da parcela que xa ten o firme acondicionado e se encontra debidamente sinalizada a falta dos últimos detalles para a súa apertura.

O espazo habilitado para o aparcadoiro ocupa preto de 3.000 metros cadrados. E contará, segundo o plan previsto polo Concello coa Policía Local, con dúas entradas: a través da rúa Luis Otero e da Avenida da Coruña. A saída estará situada unicamente por Luis Otero.

A entrada pola Avenida da Coruña encóntrase en costa e resulta estreita pero o goberno local decidiu habilitala para absorber os tráficos que veñen da Santiña.

Esta obra desenvólvese ante a incapacidade por executar a zona verde prevista na contorna do estadio debido, segundo o goberno local, ao seu elevado custe. Unha opción que non se descarta acometer no futuro.