O Estado rexeita o plan de descontaminación do solar de Elnosa por ser "incompleto e defectuoso"

Pontevedra
19 de xaneiro 2020

O informe presentado pola empresa Elnosa para rexenerar os terreos de dominio público que ocupa en Lourizán foi rexeitado de maneira contundente pola Subdirección Xeral de Residuos

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán

O informe presentado pola empresa Elnosa para rexenerar os terreos de dominio público que ocupa en Lourizán foi rexeitado de maneira contundente pola Subdirección Xeral de Residuos.

Nunha resolución deste organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, que publica o xornalista Carlos García en Páxinas de Faro de Vigo, rexéitase o informe presentado pola  clorera por ser "incompleto e defectuoso", ademais de "notablemente incorrecto" e "inconcluso" e nin sequera "contempla minimamente os obxectivos expostos".

A Subdirección Xeral de Residuos sostén que existen "indicios razoables para supoñer a hipótese de que os terreos ocupados pola factoría  Elnosa están severamente contaminados".

Despois de 50 anos de actividade fabril e unha vez acabada a concesión da cloreira, a multinacional portuguesa propietaria de Elnosa ten a obriga de devolver os terreos ao seu estado orixinal.

Mentres tanto a Dirección Xeral da Sustentabilidade da Costa e o Mar deu luz verde ao proceso de desmantelamento da fábrica.