O estudo do transporte a demanda incluirá unha análise completa da mobilidade no rural

Pontevedra
21 de xaneiro 2020

Nos próximos días, o Concello de Pontevedra licitará o contrato para o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda no municipio. A empresa que faga este traballo cobrará 102.850 euros e deberá entregalo nun prazo de once meses

Demetrio Gómez, edil de Mobilidade Cristina Saiz

Nos próximos días, o Concello de Pontevedra licitará o contrato para o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda no municipio. A empresa que faga este traballo cobrará 102.850 euros e deberá entregalo nun prazo de once meses.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que a principal novidade que recollen os pregos de licitación é que este estudo de viabilidade deberá incluír unha análise completa da mobilidade perimetral da cidade, é dicir, de todo o rural.

En concreto, vaise a revisar a mobilidade desde o punto de vista peonil, ciclista, vehículo privado e transporte público e a relación que cada área ten co centro urbano e, entre outros, cos autobuses metropolitano, os trens ou os accesos aos aeroportos galegos.

Ademais, o estudo deberá aportar unha proposta xustificada de explotación do servizo de transporte a demanda, que terá que ser presentada ao nivel de prego técnico para poder aprobala e licitala unha vez estea rematada.

En canto ás fases desta contratación, establécense cinco meses para facer a diagnose, tres meses para a análise de alternativas e proposta de transporte á demanda, dous meses para o proxecto de explotación do servizo e un mes para a análise administrativa e normativa. 

Cada unha destas catro fases deberá ser validada polos técnicos municipais.

Entre os criterios técnicos para adxudicar este traballo, Demetrio Gómez explicou que o 55% da puntuación corresponderá a criterios económicos, que é a mínima porcentaxe esixida por lei, e a porcentaxe restante estará suxeita aos criterios técnicos referidos ao prego.

Dentro desta porcentaxe técnica, salientou que se terán especialmente en conta cuestións relativas a aspectos sociais e medioambientais, e citou como exemplos a sensibilidade en canto á paridade de xénero, o coidado que a empresa teña co medio ambiente ou coas emisións de gases invernadoiro.

O traballo, que será sufragado polos fondos europeos, tamén deberá incluír obrigatoriamente a lingua galega en todos os seus apartados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora