O falecemento de dous homes por covid-19 sitúa en 47 o número de vítimas mortais na área sanitaria

Pontevedra
20 de novembro 2020

Un home de 86 anos no Hospital do Salnés, procedente da Residencia Valvanera de Cambados, e un varón de 77, que perdía a vida no Hospital Montecelo son as dúas últimas vítimas mortais na zona de Pontevedra-O Salnés. Durante as últimas 24 horas faleceron en Galicia 13 persoas diagnosticadas por coronavirus. 

Hospital Montecelo, entrada ao servizo de Urxencias Mónica Patxot

Un home de 86 anos no Hospital do Salnés, procedente da Residencia Valvanera de Cambados, e outro paciente de 77, que perdía a vida no Hospital Montecelo, son as dúas últimas vítimas mortais na zona de Pontevedra-O Salnés como consecuencia da enfermidade da covid-19.

Con estes dous novos falecementos o número de persoas que morreron por esta causa ascende a 47 desde o inicio da pandemia, segundo informan desde o Servizo Galego de Saúde. A anterior vítima rexistrouse durante a xornada do xoves.

Segundo a Consellería de Sanidade, ao longo das últimas 24 horas faleceron en Galicia 13 persoas diagnosticadas por coronavirus, entre as que se atopan a dúas da área de Pontevedra - O Salnés.

Nesta listaxe figura unha muller de 87 anos, no Complexo Hospitalario de Vigo, que procedía da Residencia O Doral, un home de 64 e unha muller de 95, que tamén perdían a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Tamén nas últimas horas falecía unha muller de 100 anos, na Residencia San Cibrao de Cervo e un home de 93, no Hospital da Mariña, que procedía da mesma residencia de Cervo. No Complexo Hospitalario da Coruña morrían un home de 79 e unha muller de 77 anos. Ademais, dúas mulleres, de 86 e 92 anos perdían a vida nas Residencias Irmáns Prieto do Carballiño e Salvaterra do Miño, respectivamente. Por último, á lista súmase unha muller de 72 anos, no Hospital do Barco de Valdeorras, que procedía da Residencia de Viana do Bolo.

Todas as vítimas, segundo a información facilitada polo SERGAS, presentaban cadros clínicos con enfermidades previas.