O Financial Times sitúa a Casa Solla como un dos cinco mellores restaurantes familiares de España

Poio
15 de xuño 2015

O diario británico publica un artigo asinado pola xornalista Trish Lorenz no que valora do restaurante de Poio o uso de excepcionais materias primas, en moitos casos sostibles, e que traballe con pequenos produtores que provén ao restaurante de carne de vacún, de porco e vexetais de primeira calidade  

Pepe Solla Mónica Patxot

Casa Solla de Poio está incluído entre os cinco mellores restaurantes familiares de toda España segundo unha clasificación realizada polo diario británico Financial Times

O rotativo publica un artigo asinado pola xornalista Trish Lorenz co subtítulo "Non podes conseguir unha reserva no Celler de Can Roca? Proba con estes restaurantes familiares con Estrela Michelín" e analiza cada un dos cinco locais catalogados: Portal do Echaurren, do xefe de cociña Francis Paniego; Aponiente, de Anxo León; Solaina, de Ignacio Solana; Casa Gerardo, de Marcos Morán; e Casa Solla.

No caso de Casa Solla, valora o uso de excepcionais materias primas, en moitos casos sostibles, e que traballe con pequenos produtores que provén ao restaurante de carne de vacún, de porco e vexetais de primeira calidade.

Pepe Solla, xefe de cociña de Casa Solla, ten unha estrela Michelín e tres soles Repsol. Pertence ao grupo NOVE, un colectivo de 20 cociñeiros que propoñen reivindicar a modernidade e a vixencia da nova cociña galega.