O Gafos, sen saneamento: a Xunta dá marcha atrás ante o "reiterado incumprimento" do Concello

Pontevedra
28 de agosto 2015

En concreto, Augas de Galicia explica que debido a que o Concello de Pontevedra non confirmou a posta a disposición dos terreos para a execución destas obras, "resulta inviable" a licitación e execución da actuación nos prazos fixados

Paseo peonil do río Gafos
Paseo peonil do río Gafos / Mónica Patxot

O ansiado saneamento do río Gafos quedará sen rematar. Polo menos, de momento. Augas de Galicia acaba de comunicar ao Concello de Pontevedra que deixa sen efecto o convenio asinado para executar este proxecto como consecuencia do "reiterado incumprimento" dos compromisos municipais necesarios para a execución das obras.

En concreto, Augas de Galicia explica que debido a que o Concello de Pontevedra non confirmou a posta a disposición dos terreos para a execución destas obras, "resulta inviable" a licitación e execución da actuación nos prazos fixados

Este proxecto, coñecido como "mellora da rede de sumidoiros no río Gafos", era unha actuación cofinanciada dentro do marco do programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, que obriga a que as accións subvencionadas estean executadas ao longo deste ano 2015 como prazo límite.

O departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura que solicitou en "reiteradas ocasións" a necesaria posta a disposición dos terreos por parte do concello para a licitación. A pesar diso, sinalan nun comunicado que "non se chegou a recibir a citada documentación", polo que o ente hidráulico acordou resolver o contrato "para poder dedicar os fondos europeos a outras actuacións en marcha".

Non obstante, dende Augas de Galicia sinálase que a resolución do convenio non impide o establecemento de futuras fórmulas de colaboración entre ambas administracións.

Segundo o organismo, con esta decisión trata de evitar que se perda a partida de fondos europeos reservada para o saneamento do río Gafos, "imposible de executar nos prazos necesarios",  e que contando co 20% de fondos propios da Comunidade Autónoma ascende a 1,12 millóns de euros.