O Goberno comprométese a convocar ás partes implicadas para abordar o futuro dos postos de traballo de ENCE

Pontevedra
17 de marzo 2021

Como facilitadores deste espazo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico convida a participar aos traballadores da factoría, aos do sector transportes e forestal, á empresa e ás administracións

Reunión da ministra de Transición Ecolóxica co comité de ENCE Ministerio de Transición Ecológica

A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, mantivo esta tarde senllas reunións con representantes do comité de empresa da factoría de ENCE e con representantes de CCOO e dos transportistas e sector forestal.

Durante ambos os encontros, que segundo sinalan desde o Ministerio "celebráronse nun ambiente de cordialidade", Ribeira trasladou aos representantes dos traballadores a vontade do Goberno de "habilitar un espazo de diálogo onde buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo de ENCE en Pontevedra".

Como facilitadores deste espazo de diálogo o Ministerio para a Transición Ecolóxica convida a participar aos traballadores da fábrica de Lourizán, aos do sector transportes e forestal, á empresa e ás Administracións.

Nun comunicado explican que o obxectivo desta mesa de diálogo é "compartir a información e analizar o estado de situación para dar tranquilidade aos traballadores e as súas familias a medida que se avanza en atopar respostas para dar continuidade aos postos de traballo"

Neste sentido, "o Ministerio de Transición Ecolóxica comprométese a facilitar o diálogo e a procura de solucións de futuro coa empresa, a Xunta de Galicia e as administracións locais para con traballadores, sector forestal e transportistas".

Unha vez máis a ministra Teresa Ribeira lembrou que o artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética non afecta a ENCE e que a decisión en canto á continuidade da empresa na súa ocupación do Dominio Público Marítimo Terrestre non depende do seu Ministerio senón "dun fallo que debe ditar a Audiencia Nacional", onde se estuda o recurso interposto polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría contra a prórroga outorgada en 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Por parte do comité de empresa de fábrica asistiron á reunión o presidente e secretario do comité de empresa e un delegado de cada central sindical CIG, CCOO E UXT. Ao finalizar emitiron un comunicado de prensa no que valoraron o encontro con Teresa Ribeira sinalando que "a sensación foi de absoluto coñecemento da situación e referendou e adquiriu o compromiso de convocar directamente desde o Ministerio ás partes restantes".

"Desde a nosa parte transmitímoslle a aceptación de acudir a este formato e que estamos expectantes para a súa inmediata posta en marcha", sinalaron desde o comité.