O goberno local aproba a instalación de lombos no núcleo de Cerponzóns

Pontevedra
31 de xullo 2017

Raimundo González, portavoz do goberno de Fernández Lores, indica que seguirán implantando redutores de velocidade no rural seguindo o modelo urbano, en resposta á manfiestación veciñal

Ponte Malvar, no lugar de Tilve en Cerponzóns Asociación de Veciños O Chedeiro

O goberno local quixo anunciar aos veciños que se manifestaron durante o sábado polo centro de Pontevedra en contra dos lombos que está previsto que se continúe estendendo o modelo de cidade a todo o rural coa implantanción de reductores de velocidade. Así o manifestaba Raimundo González, portavoz do grupo de goberno de Fernández Lores, ao asegurar que non hai "volta atrás" e seguirán instalando estes elementos para evitar que se corra. 

O equipo de goberno aprobaba este luns a rehabilitación do núcleo de Cerponzóns por unha cifra superior aos 161.400 euros coa construción de lombos. González sinalou que a manifestación do sábado contra estas medidas de redución de velocidade era unha ofensiva do Partido Popular e sinalou que se viu "presenza activa" de integrantes da formación na marcha de protesta.

González tamén quixo referirse aos veciños de Médico Ballina, que reclaman a construción dun parque infantil. Alega que os servizos técnicos están a traballar no proxecto e trátase dun compromiso político do grupo de goberno. O parque estaba previsto para o ano 2015. O portavoz municipal indicou que o de Campolongo xa se atopa en fase de contratación cun orzamento que supera os 300.000 euros.

ADXUDICACIÓN DE OBRAS E SUBMINISTRACIÓNS

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou obras e subministracións este luns por unha cifra superior a 1.420.000 euros, o 10% dos investimentos previstos polo Concello no orzamento.

Adquiriuse un furgón para atestados destinado á Policía Local por un importe de 82.940 euros; tamén se adxudicou a dotación da subministración de auga dos areais de Mourente por 84.000 euros; a construción do campo de herba sintético en Cerponzóns por unha cifra que supera os 860.000 euros cun prazo de execución de seis meses; tamén se aprobou a elaboración dun traballo cartográfico do municipio por máis de 106.000 euros, que deberá realizarse en catro meses e as melloras de acceso á avenida das Camelias con 123.000 euros, unhas obras que terán un período de execución de tres meses.