O goberno local califica de "demagoxia política" as exencións fiscais que reclama o PP

Pontevedra
13 de maio 2020

O grupo municipal do PP solicita a exención de todos os impostos e taxas municipais dende a declaración do estado de alarma e mentres dure a crise actual. A moción foi ditaminada en contra cos votos en contra do BNG e do PSOE

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / PontevedraViva

A comisión de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra abordou este martes dúas mocións do Partido Popular.

Na primeira, o grupo municipal do PP solicita a exención de todos os impostos e taxas municipais dende a declaración do estado de alarma e mentres dure a crise actual. A moción foi ditaminada en contra cos votos en contra do BNG e do PSOE.

A vicepresidenta desta comisión e portavoz do goberno, Anabel Gulías explicou que "seguimos tendendo a man ao Partido Popular pero a proposta de acordo é imposible porque fala de todos os ingresos municipais, que nalgúns casos están suxeitos a normativa estatal e non ten unha duración determinada".

Para Anabel Gulías, a exención fiscal que reclaman os populares "parece máis demagoxia política".

Anabel Gulías recordou que o goberno local está pendente de seguir as recomendacións en materia económica da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e da galega, a Fegamp, que xa anunciaron que os concellos tiñan que ter coidado á hora de implementar medidas económicas porque se pode poñer en risco as viabilidades económicas dos concellos, "ao igual que o consello de expertos da Xunta que recomendou o que Pontevedra fixo, o aprazamento de taxas".

Explicou que en materia fiscal, o Concello de Pontevedra ten todo sobre a mesa, e continúa co aprazamento das taxas.

COMISIÓN PARA A RECONSTRUCCIÓN

A segunda das mocións do Partido Popular era a creación dunha comisión para a reconstrución. Anabel Gulías considera que a comisión de Economía e Facenda pode facer esta función sen ter que estar duplicando as funcións.

Na comisión tamén se presentou unha moción conxunta do BNG e do PSOE que solicita a elaboración do plan galego de reactivación económica e dispoñibilidade de uso dos recursos municipais.

Concretamente, nacionalistas e socialistas queren levar a pleno que o Concello inste á Xunta a elaboración dun plan galego de axudas, e solicitar a derrogación da Lei Montoro para que os concellos poidan dispoñer da totalidade do superávit e tamén dos remanentes municipais.