O goberno local de Ponte Caldelas advirte que a "pasividade" da Xunta está a "soliviantar" aos veciños

Ponte Caldelas
03 de decembro 2015

O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas advirte que a "pasividade" da Xunta de Galicia ante a reclamación veciñal de que se afronten medidas que melloren a seguridade vial na estrada Laxoso-Augasantas está a "soliviantar" ás persoas que usan diariamente este vial

Equipo de goberno de Ponte Caldelas na estrada PO-234
Equipo de goberno de Ponte Caldelas na estrada PO-234 / Concello de Ponte Caldelas

O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas advirte que a "pasividade" da Xunta de Galicia ante a reclamación veciñal de que se afronten medidas que melloren a seguridade vial na estrada Laxoso-Augasantas está a "soliviantar" ás persoas que usan diariamente este vial.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, remitiu varios escritos á Consellería solicitando unha entrevista para "afrontar en serio esta actuación" sin que, ata o de agora, se lle dera unha solución positiva.

"Os veciños están a ver esta actitude da Xunta con estupor porque son coñecedores de que mentras a Consellería non resolve este grave e histórica demanda está actuando noutras estradas de menos tránsito e perigosidade en concellos gobernados polo Partido Popular", asegurou o rexidor.

Se persiste esta "inacción" por parte da Consellería, o equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas sopesará as reiteradas peticións feitas polos veciños de Laxoso de poñer en marcha "protestas activas" co fin de que "se faga escoitar á voz da cidadanía ante a administración".

A mellora da estrada Laxoso-Augasantas é unha vella reivindicación veciñal non só dos residentes no municipio de Ponte Caldelas senón tamén no de Cotobade. De feito ámbolos dous alcaldes xa solicitaran ante a Xunta de Galicia a execución do proxecto de mellora na seguridade vial elaborado hai tempo e que contaba cun orzamento aproximado duns 2 millóns de euros.

A prioridade para o goberno local é a "seguridade vial" dos veciños e unha estrada tan transitada como esta, con vehículos pesados, transporte escolar e de pasaxeiros que teña que discorrir por unha vía tan estreita e chea de curvas. Afirman "é un auténtico perigo".

"A falla dunha resposta seria por parte da Xunta de Galicia é unha auténtica temeridade", dixo o alcalde.