O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considerou unha "provocación demagóxica" as declaracións feitas pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a súa visita a Cotobade nas que insinuou que non se poñía en marcha o arranxo da PO-234 por unha suposta falla de posta de terreos á disposición da Xunta para realizar a obra por tramos.
Díaz coñeceu o parecer da conselleira polos medios de comunicación xa que asegura que leva "máis de dous meses" agardando por unha resposta á súa solicitude de entrevista para tratar este tema.
O rexidor lembroulle á responsable autonómica que o proxecto de mellora da estrada PO-234 entre Laxoso e Augasantas conta xa cunha valoración orzamentaria feita nos tempos do goberno do PP en Ponte Caldelas e que discurre por terreos comunais onde os seus propietarios, os veciños, xa amosaron hai tempo a súa conformidade ás obras de mellora desta estrada.
Andrés Díaz valorou a "ocurrencia" da conselleira, de "suavizar" curvas por tramos e atendendo á prioridade por mor da súa perigosidade, como "unha inconsciencia de mal gusto cando sabe que un día sí e outro tamén se producen episodios reiterados de risco de accidente na práctica totalidade do trazado, de aí a súa urxente e necesaria intervención dun xeito global. Non imos tolerar máis chapuzas do PP. Xa estamos acostumados aos parches que fan os responsables políticos do PP que, en lugar de solucionar provocan aínda máis problemas".
Finalmente, sobre as "desafortunadas" palabras da conselleira ao declarar ante os medios que se os dous alcaldes identifican os tramos haberá obras, sinalou que "farase como fan as familias, dixo Ethel Vázquez. Non sei a que familias se refire a conselleira, as do Partido Popular de Valencia imputadas por auténticos escándalos ou ás das futuras vítimas despois de perder a un ser querido por non ter atendido a Xunta unha reinvindicación que vai máis alá de cuestións partidarias e que trata de previr riscos que poden costar a vida das persoas", manifestou indignado Andrés Díaz.
Finalmente, o alcalde de Ponte Caldelas instou, de novo, á conselleira a manter un encontro institucional entre Xunta e Concello.