A plataforma de afectados pola estrada PO-234 quere promover o diálogo arredor deste vial e a necesidade de melloralo, de modo que fai un chamamento público aos alcaldes de Ponte Caldelas e Cotobade, Andrés Díaz e Jorge Cubela; os partidos políticos; e colectivos sociais de ambos os dous municipios para crear un foro no que se fale do asunto e se axilice o arranxo urxente desta estrada que comunica Laxoso con Augasantas.
As voceiras da plataforma, Lorena Durán e Cristina Quinteiro, convidarán a vindeira semana, e de xeito oficial, aos alcaldes a conformar este foro cidadán aberto ao diálogo "porque o arranxo desta estrada foi sempre unha reivindicación de todos e temos que conseguila renunciando a calquera rédito político aprol do ben común".
A intención da plataforma é axilizar ao máximo a realización destas obras, de modo que consideran que hai que conseguir que todo o mundo se implique porque "se trata de dar solución a un problema de auténtica seguridade viaria que foi sempre unha reivindicación histórica de todo o mundo", partidos políticos, veciños, asociacións e "agora é o momento de deixar de lado calquera cuestión personalista para darlle unha saída definitiva a este problema".
"Non queremos que isto se converta nunha cuestión de cabezonería política por eso queremos que todos participen desta petición á Xunta desde o principio. Non queremos que ninguén se sinta marxinado nin vetado", indicou a vicevoceira da plataforma, Cristina Quinteiro, a través dun comunicado.
Lorena Durán indicou que o obxectivo é convencer á Xunta da urxencia da obra, que facilite canto antes os planos e diga que terreos son os afectados para que poidan localizar aos propietarios e poñer á súa disposición os metros necesarios para efectuar a obra canto antes "e que non lle dean máis voltas".