O Partido Popular de Ponte Caldelas acusa o alcalde do municipio, Andrés Díaz, de manipular aos veciños de Laxoso en relación coa PO-234. Respectan a decisión dos veciños de constituír unha plataforma de afectados pola estrada, pero lamentan "que estean a ser utilizados" polo rexedor "na súa estratexia de ataque á Xunta para agradar á dirección socialista".
O portavoz do PP, Ricardo Castro, indica que "a experiencia nos di que con estas plataformas non se consegue facer obras, o único que se consegue é aumentar a conflitividade política, que é o que busca Andrés Díaz" e lembra que o anterior goberno municipal de Ponte Caldelas demostrou que se poden conseguir investimentos e obras doutras administracións doutras cores políticas en base ás xestións, diálogo e capacidade de negociación.
"Conseguir hoxe en día un investimento de máis de dous millóns de euros non é ningunha broma, pero iso só se consegue con diálogo e capacidade de xestión, que é o que vai seguir facendo o Partido Popular", indicou a través dun comunicado emitido esta fin de semana.
Na súa opinión, Andrés Díaz engana aos veciños cando di que non existe un proxecto de mellora da estrada, xa que existe unha copia do proxecto no Concello que deixou o anterior equipo de goberno do PP, pero "prefire ocultarllo aos veciños para seguir coa súa estratexia de confrontación coa Xunta de Galicia".