A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas tomou coñecemento este luns do texto do manifesto que se vai ler ao remate da manifestación convocada para o próximo sábado, día 17, en protesta pola "cacicada da PO-234".
O texto incide na necesidade de que as obras comecen polo tramo más perigoso, que é o de Laxoso. Ao tempo destaca que coa decisión da Xunta de limitar as obras ao tramo Augasantas-Portasouto prexudícase por igual aos veciños de Ponte Caldelas e de Cotobade, que traballaron xuntos dende o principio para a mellora da estrada autonómica que comunica ambos municipios.
A convocatoria da manifestación foi comunicada á Subdelegación do Goberno. O Concello de Ponte Caldelas agarda que non haxa contratempos nas consultas que se están a realizar diante dos distintos órganos competentes. En todo caso, subliña, trátase dunha reivindicación contra unha decisión inxusta da Xunta de Galicia, aberta a todas as formacións políticas, e que nada ten que ver coa campaña electoral. "Facémola agora, porque o anuncio fíxose agora", recalca o alcalde, Andrés Díaz.
O goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) invita á Xunta de Galicia a rectificar antes do sábado. Explica que só con que comunique que fará as obras con sentido común, é dicir, comezando polo lado de Laxoso, a manifestación quedará inmediatamente desconvocada.
Por outra banda, a Xunta de Goberno local acordou expresar o seu agradecemento á Plataforma pola mellora da PO-234, que decidiu sumarse á convocatoria. Ao mesmo tempo adianta o seu agradecemento aos veciños de Augasantas (Cotobade), que celebraron unha asemblea sobre o tema na que moitos veciños se postularon a favor de que a obra comece por Laxoso para acabar co punto negro que supoñen as súas perigosas curvas.
O goberno local caldelán volve invitar a todas as forzas políticas a sumarse para traballar a prol dos intereses comúns de Ponte Caldelas e de Cotobade.