O goberno local estuda eliminar o muro do Hospital Provincial para integrar o recinto na nova praza

Pontevedra
07 de xullo 2015

O concelleiro de Obras, Luis Bará, vai manter unha xuntanza cos veciños da contorna do centro hospitalario durante o serán deste martes 7 para explicarlles os traballos que se acometerán a partir de mediados de setembro

Hospital Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

Cando finalice a calor do verán, arredor de mediados de setembro, iniciaranse as obras de construción da praza prevista na rúa Loureiro Crespo, tal e como solicitara a xerencia do Complexo Hospitalario, para evitar, deste modo, que o po en suspensión xerado polas obras poida entrar polas ventás que se abran no centro durante a epoca estival. Estes traballos conformarán unha das cuestións que o concelleiro de Obras, Luis Bará, trate cos veciños do ámbito do Hospital cos que se reúne ao longo deste martes 7 de xullo. A obra ten un presuposto superior aos 417.700 euros.

O concelleiro sinalou que unha das ideas que se formularon aos responsables sanitarios é a de integrar o recinto hospitalario nesta praza dándolle máis vistosidade. Con esta medida, eliminaríase o muro e o valo actual da parte da fachada que ademais conta con vexetación e un monumento do autor Francisco Asorey.

Ademais, Luis Bará apuntou que se encontra xa acordado cos taxistas o espazo no que se instalará a parada. Segundo explicou o concelleiro, situarase entre Casimiro Gómez e Cervera Mercadillo no tramo de carril-bici.

Os traballos que se acometerán en distintas obras no ámbito do Hospital, nas rúas de Javier Puig e José Malvar, promovidas xa durante o mandato anterior con Antón Louro, teñen un presuposto de 1.130.000 euros.