O goberno local mantén a súa postura: a ponte do Burgo permanecerá pechada ata outubro

Pontevedra
27 de agosto 2019

 O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou este martes que se pechou o espazo con obxectivo de imprimir rapidez á colocación da lousa de pedra. Agarda que en outubro, cando se supere esa fase, xa poida circular o tráfico peonil pola ponte

O concelleiro Demetrio Gómez amosa un anaco da Ponte do Burgo
O concelleiro Demetrio Gómez amosa un anaco da Ponte do Burgo / PontevedraViva

A pesar do inicio dunha campaña de recollida de firmas nos establecementos da Rúa Real e das queixas da directiva da asociación Centro Comercial Zona Monumental, o Concello de Pontevedra mantén a súa decisión de pechar completamente a ponte do Burgo ata o mes de outubro.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, sinalaba este martes que o obxectivo deste peche temporal é que se axilicen os traballos dunha obra de máis de 2,5 millóns de euros orzamentados e, deste xeito, se poida certificar o próximo mes de febreiro.

Esta obra atópase financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e debe cumprir os prazos de finalización en febreiro de 2020. Por este motivo, segundo explica o concelleiro, foi necesario evitar o paso pola instalación para garantir a seguridade dos peóns, xa que aínda non están instaladas as varandas, e para imprimir maior ritmo á intervención, de forma que se poida certificar no prazo que esixe a Unión Europea para poder conceder os fondos.

Demetrio Gómez pediu desculpas polos inconvenientes que supón este medida pero, aclarou, que non se pode volver atrás. Segundo as previsións do  Concello, a mediados de outubro está previsto que se poida abrir a ponte ao tráfico peonil e se os traballos avanzan a bo ritmo, mesmo se podería adiantar esa data.