O goberno local trasladará á oposición un borrador do orzamento sen "liñas vermellas"

Pontevedra
03 de novembro 2015

"Evidentemente é posible mover algunhas partidas", comentou Raimundo González, "se hai xogo". E pediu á oposición que sexan "responsables" coas súas propostas "se se poñen cartos nun lado teñen que dicir de onde os quítan"

Imaxe aérea do centro histórico de Pontevedra
Imaxe aérea do centro histórico de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Facenda do Concello de Pontevedra, Raimundo González, presentou este martes o borrador do orzamento municipal sen "liñas vermellas" que este mércores trasladará aos grupos da oposición para que fagan as súas achegas.

"Evidentemente é posible mover algunhas partidas", comentou Raimundo González, "se hai xogo". E pediu á oposición que sexan "responsables" coas súas propostas "se se poñen cartos nun lado teñen que dicir de onde os quítan".

A intención do goberno nacionalista é que o orzamento quede aprobado a principios do mes de decembro. Neste sentido, Raimundo González precisou que, nestes momentos "non hai acordo con ninguén".

Debuxado a grandes trazos as contas do Concello para o 2016 elévanse ata os 71.515.000 euros. Este incremento débese ás inspeccións tributarias postas en marcha nos últimos meses que permitiron incrementar os ingresos.

Destaca o o orzamento os 10,7 millóns que se van a destinar ao capítulo de investimentos, que Raimundo González resumiu nun "compromiso forte polo medioambiente", con "apostas decididas" como son a rede de rede de sumidoiros, zonas verdes, creación de sendas, abastecemento de auga, composteiros ou eficiencia lumínica. Un segundo capítulo, pola súa contía, constitúeno as instalacións deportivas (herba sintética, mellora e construción de pavillóns). Finalmente, Raimundo González referiuse ás obras de accesibilidade urbana e no rural.

En canto ás operacións correntes, en persoal gastará 20,3 millóns; en gasto corrente 32; en financeiro 396.000; e en transferencias correntes 4,8 millóns.