Moreira avanza o voto en contra do PP a un orzamento que "oprime" aos cidadáns

Pontevedra
06 de novembro 2015

Pontevedra ten, segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda, unha das cargas impositivas máis altas de todo o país. Alcanza os 603,4 euros por habitante, mentres que a media de Galicia sitúase en 354,2 euros, lembrou este venres o Partido Popular. E entenden que co borrador dos orzamentos que lles presentou o goberno municipal esta cifra "seguirá en aumento"

Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno
Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno / Mónica Patxot

Pontevedra ten, segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda, unha das cargas impositivas máis altas de todo o país. Alcanza os 603,4 euros por habitante, mentres que a media de Galicia sitúase en 354,2 euros, lembrou este venres o Partido Popular. E entenden que co borrador dos orzamentos que lles presentou o goberno municipal esta cifra "seguirá en aumento".

Por iso, o portavoz popular avanzou que a súa formación votará en contra destes orzamentos porque asegurou que "oprimen a los pontevedreses" e non lles fai partícipes da "recuperación económica del país".

Para Jacobo Moreira, os cidadáns "pagamos impuestos como los que más y tenemos servicios como los que menos", ao lembrar que entre outras cuestións Pontevedra carece de transporte público, biblioteca municipal ou garderías municipais. 

Ademais, Jacobo Moreira criticou que tampouco se aumenta o gasto social na cidade, a pesar de ser -xunto a Teruel- a cidade española que menos diñeiro destina a este tipo de políticas.

Pola contra, sospeitan que a maior carga impositiva no concello está destinada a compensar o aumento dos gastos correntes que, para 2016, supoñerá 2,2 millóns de euros máis que este ano. Todo iso sumado aos 18,3 millóns que ingresará vía IBI, os 18 millóns en taxas e impostos ou os 27 millóns en multas, segundo calcula o PP, o que leva a Moreira a afirmar que os pontevedreses "no padecen presión fiscal, sino opresión fiscal".

En canto ás partidas destinadas a investimentos, os populares lamentan que se inclúan partidas xenéricas "para no determinar actuaciones concretas y no tener que rendir cuentas a nadie" como pasa, sinalaron, cos 2 millóns para saneamento ou os 1,3 millóns para infraestruturas deportivas. Así, cren que o único proxecto que ten claro o goberno municipal é o parque forestal da Fracha, para o que consignan 150.000 euros.

O portavoz do PP lamentou tamén que tan só se destinen 200.000 euros á promoción do emprego porque "Lores sigue sin darse cuenta de que es el principal problema de Pontevedra". 

En todo caso, se o goberno municipal "no se replantea" estas contas para 2016, os populares presentarán unha emenda á totalidade "porque estamos en desacuerdo con la filosofía que encierra este presupuesto".