Paso en firme de cara a construción do novo auditorio e a escola de música do Grove. A Deputación de Pontevedra incluíu este proxecto no plan de reequilibrio provincial e destinará a este fin 1,5 millóns de euros. O investimento total necesario para executar esta infraestrutura cultural ascende a 4,31 millóns.
Esta aportación, segundo o Concello, permitirá que se reduza a achega municipal e se poidan derivar eses recursos a outros proxectos.
O auditorio é un proxecto emprendido "practicamente en solitario" polo goberno municipal, recordan desde o Concello, que celebra que agora reciba un apoio "claro e rotundo" por parte da Deputación fronte a "ausencia" doutras administracións como a Xunta de Galicia.
A partir destes fondos, O Grove traballa para ultimar todos os trámites necesarios para que a construción deste espazo saia a concurso nos primeiros meses de 2018.
O proxecto ocupará máis de 3.000 metros cadrados dunha finca municipal que chega a case 5.000 situada no Monte da Vila.
Inclúe unha sala de espectáculos multiconfiguración que permitiría un aforo de entre 500 e 700 localidades dependendo da disposición, ademais de salas para a escola de música plantexadas como multifuncionais que permitiría o seu uso como camerinos durante a celebración dos espectáculos.
A potencialidade fundamental do edificio se atopa na súa total e absoluta accesibilidade e no feito de que permita dotar a todos os equipamentos xa existentes no Monte da Vila dun "ágora" ou praza que humanice a zona.
Ao tempo, o plantexamento dun elevador na zona este do edificio (con saída ao lado do antigo pavillón) servirá non só para mellorar o acceso ao propio auditorio, senón a toda a zona alta do monte, onde se atopan o campo de fútbol e o centro de saúde.