O Grove traslada o seu mercado semanal á zona de Beiramar para garantir a seguridade

O Salnés
04 de xuño 2020

A imposibilidade de respectar a distancia de seguridade entre consumidores e postos impide a celebración no lugar habitual, a praza do Corgo

Avenida Beiramar no Grove
Avenida Beiramar no Grove

O Concello do Grove ten tomada a decisión de reactivar o tradicional mercado ambulante semanal. Pero farao nunha nova localización.

Despois de reunirse cunha representación dos vendedores, o goberno local decidiu trasladalo á zona de Beiramar ao ser imposible garantir as adecuadas medidas de seguridade para a prevención da transmisión do coronavirus no espazo habitual, a praza do Corgo.

Para a súa posta en funcionamento, cada vendedor debe respectar unha distancia de dous metros cos postos contiguos. Ademais, todos colocaranse en liña recta para evitar a creación de corredores estreitos que poidan provocar aglomeracións de persoas.

O Concello do Grove agradece a predisposición dos vendedores e anima á cidadanía para asistir a este mercado de forma gradual, mantendo as medidas de seguridade no referido á distancia entre persoas e usando máscaras.

Ademais, recomendan evitar na medida do posible manipulación dos artigos e o uso de luvas.