A urbanización dos antigos terreos de Tafisa recibiu un impulso nos últimos días. Os operarios regresaron e ao longo deste mércores realizáronse tarefas de roza para rematar de habilitalos.
Ao mesmo tempo, dende o departamento municipal de Urbanismo confirman que o Concello de Pontevedra deu unha prórroga ao Grupo Lar para a urbanización dos terreos. A Administración local déralle un prazo dun mes, pero a empresa argumentou que necesitaba máis tempo e finalmente ampliouse ata catro meses, de modo que agora a conta atrás vence o próximo 28 de febreiro.
Entre as tarefas que ten aínda pendentes está a de finalizar as zonas verdes e xardíns, pero que se reiniciaron con traballos de roza como os realizados este mércores.
O Grupo Lar tiña, ademais, outro pau nas rodas para poder seguir coas obras de urbanización. Ten pendente de executar un paseo peonil, pero ata hai apenas unhas semanas non podía porque ese camiño estaba afectada pola antiga nave de carpintaría de Tafisa. Agora xa ten vía libre porque o Concello, con recursos propios, derrubouna.
O 28 de febreiro, cando remate o prazo, os técnicos municipais volverán revisar os terreos e, se consideran que se cumpriron todas as condicións impostas, poderán recepcionarse as obras.