Un coche e dous contedores calcinados. Outro coche afectado na súa parte traseira. Danos na iluminación e nos contadores de dúas vivendas. Ese só foi o final dun periplo vandálico que deixou un reguero de desfeitas por todo o centro histórico de Combarro.
Así o comprobou a Policía Local de Poio que, ao mesmo tempo que fixo balance dos danos, segue buscando ao autor ou autores de todos estes danos.
"Antes de queimar os contedores, que foi o que iniciou o incendio, primeiro estiveron de percorrido pola zona vella", sosteñen desde o corpo municipal.
Durante a súa andaina, entre outras accións, esnaquizaron unha papeleira e unha árbore de nadal de madeira que aínda decoraba unha das rúas do lugar.
O incendio que provocaron ao final reduciu a cinzas dous contedores, un para residuos plásticos e outro para residuos orgánicos, e arrasou por completo un Alfa Romeo.
O segundo coche, un Daewo Fabia, sufriu danos na súa parte traseira, igual que un farol que quedou sen luz ao queimarse todo o cable e o peche da vivenda fronte á que estaban aparcados os coches.