O investigado por compravenda ilegal de vehículos nega as acusacións: comprou sen coñecer a orixe ilícita dos coches

Pontevedra
16 de novembro 2022

O xerente explica que os coches que comprou en 2020 estaban matriculados legalmente en España e "aparentemente, non ofrecían desconfianza de ningún tipo para pensar que puidesen ter unha orixe ilícita". Ademais "nin a Xefatura de Tráfico nin os servizos oficiais das respectivas marcas alertaron de ningunha incidencia"

Rexistro policial en Talleres Antonio Pintos
Rexistro policial en Talleres Antonio Pintos / Mónica Patxot

O xerente de Talleres Antonio Pintos, o establecemento pontevedrés investigado dentro dunha rede dedicada supostamente á compravenda ilegal de vehículos de alta gama entre España e Portugal, deféndese e nega todas as acusacións. 

A través dunha publicación no seu perfil oficial de Facebook, refírese aos "extraordinarios acontecementos" ocorridos este martes, cando foi detido e logo posto en liberdade pola súa relación con esta rede internacional.

O afectado asegura que ofreceu toda a súa colaboración ás autoridades españolas e portuguesas que investigan estes delitos e que seguirá cooperando "en todo canto nos soliciten na medida das nosas posibilidades", porque "somos os primeiros interesados" en esclarecer esta investigación e "conseguir descubrir os verdadeiros responsables dos posibles delitos cometidos".

En relación cos feitos que levaron aos investigadores da Policía Nacional e a Policía Judiciaria portuguesa, explica que no exercicio 2020 a súa empresa comprou varios coches a través dun provedor. Os vehículos "estaban matriculados legalmente en España e, aparentemente, non ofrecían desconfianza de ningún tipo para pensar que puidesen ter unha orixe ilícita". 

Indica, ademais, que "nin a Xefatura de Tráfico en España nin tampouco os servizos oficiais das respectivas marcas alertaron de ningunha incidencia"

Posteriormente, cando a empresa xa vendera eses coches que cría legais a distintos particulares e empresas, descubriuse que podían ser subtraídos en Portugal.  Insiste en que souberon a súa orixe ilícita con posterioridade, non antes de compralos e vendelos. 

O afectado insiste tamén en que todas as transaccións realizadas nesas operacións de compravenda "están perfectamente documentadas" con facturas de compra e de venda, realizáronse sempre mediante transferencia bancaria e figuran asentadas na contabilidade da empresa.

Respecto diso, cabe apuntar que os investigadores que o martes realizaron un minucioso rexistro no establecemento levaron tan só oito facturas e un vehículo Mercedes. 

Para os seus clientes, o taller tamén aclara que a súa actividade "segue como sempre" e confía en que "os nosos servizos non se vexan afectados por este desgraciado incidente".

**Aínda que nun primeiro momento informouse por erro de que se trataba dunha operación antidroga, non ten que ver con este delito.