O Marco de Perre, un monolito para conservar os topónimos de Cerponzóns

Pontevedra
12 de outubro 2021

Este luns inaugurábase esta obra escultórica do canteiro Manuel Collazo Torres, impulsada pola Asociación de Veciños O Chedeiro. Ao acto asistía a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, acompañada por otros integrantes de la corporación de Pontevedra como Marcos Rey, Pilar Comesaña e Martín Martínez

Inauguración do Marco de Perre, en Cerponzóns
Inauguración do Marco de Perre, en Cerponzóns / Concello de Pontevedra

A obra escultórica O Marco de Perre inaugurábase este luns 11 de outubro no adro da Igrexa de Cerponzóns. Trátase dun monólito que mantén a forma dun marco co que tradicionalmente se sinalaban os límites dun terreo ou servía para marcar distancias e lugares.

Este traballo é obra do canteiro Manuel Collazo Torres por iniciativa da Asociación de Veciños O Chedeiro da parroquia pontevedresa. A proposta busca que os topónimos de Cerponzóns queden na lembranza a través desta obra e, deste xeito, poidan incorporarse ao patrimonio cultural.

A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, participaba nesta inauguración xa que o departamento de Turismo colaborou no proxecto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que axudou a recuperar os nomes históricos de diversos lugares da parroquia. Ao acto tamén asistían os concelleiros Marcos Rey, Pilar Comesaña e Martín Martínez.

O antecedente deste traballo atópase nos traballos realizados polo crego da parroquia Manuel Míguez no ano 1997, que publicaba a historia de  Cerponzóns recollendo algúns dos nomes de pequenos lugares, hoxe en día practicamente desaparecidos ao englobarse en denominacións máis amplas. Desta forma, lémbranse zonas como  A Cachada Vella, A Cañota, A Chan do Monte, A Cruciña de Ponte Beán, A Ponte Beán, A Ponte Pomar, Bigaixo, Cachadiña, Campo, Casa Nova de Liborei, Casás de Meán, Castelo de Cerponzóns, Cernadelo, Igrexa, Laxe de Bascuas, Liviáns, Mendo, Mogos, Mouchos de Meán, O Cimbelo, O Taral, Porrelo, Pozo de Meán, Río da Barca, Santarandán, Soutelo de Meán e Soutelo do Bravo.