O "mercadillo" dominical volve desenvolverse sen incidencias, unha semana despois da súa retirada

Pontevedra
01 de setembro 2019

Os vendedores portaron a súa identificación que os acreditaba para instalar o seu posto de venda. Durante esta xornada detectouse máis presenza de compradores do habitual, despois da ameaza da concelleira de Promoción Económica a unha posible suspensión se non se regulaba a súa actividade

"Mercadillo" de antigüidades na rúa Serra Diego Torrado

Os comerciantes do "mercadillo" de antigüidades instalaron os seus postos este domingo ao longo da rúa Serra, nas proximidades ao edificio do Mercado de Abastos, despois dunha semana moi axitada na que chegou a perigar a permanencia desta actividade económica

Coa tarxeta distintiva que autorizaba aos vendedores para realizar a actividade comercial neste espazo, a xornada deste primeiro domingo de setembro desenvolvíase sen incidencias, segundo fontes policiais, e cunha maior presenza de compradores e curiosos en comparación con outros domingos, que se movían  rebuscando entre libros, cómics, discos de vinilo, reloxos e outras pezas antigas ou de segunda man. 

Posiblemente o incremento de compradores estea relacionado co debate aberto despois de que a concelleira de Mercados, Yoya Blanco, ameazase con suspender esta actividade se non se regulaba tanto o número de vendedores participantes como os espazos de instalación dos postos.

Desta forma, a concelleira alcanzou un acordo cos comerciantes para que non se establecesen postos de venda ante a porta central do Mercado de Abastos nin na rúa César Boente, que dificultaban o acceso ao aparcamento subterráneo e o paso aos residentes na contorna.