O mércores 27 comezan as obras para crear a praza circular entre Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac

Pontevedra
24 de xaneiro 2021

Esta obra vai cambiar o firme da rúa Daniel de la Sota para crear un novo espazo con estrutura en círculo. A intervención obriga a desenvolver un plan especial de tráfico nesta rúa e o traslado da parada de taxis situada na Daniel de la Sota á praza de Barcelos

Plan de tráfico para as obras en Daniel de la Sota
Plan de tráfico para as obras en Daniel de la Sota

O cruzamento entre as rúas Benito Corbal, Daniel da Sota e Cobián Roffignac volverá someterse a traballos de reforma. Será a partir do próximo mércores 27 cando os operarios da empresa Covsa comecen a obra, que depende das concellerías de Obras Urbanas e de Sostemento de Espazos Públicos, xestionados polos concelleiros Demetrio Gómez e Eva Vilaverde.

Este proxecto prevé a rehabilitación integral do firme actual da rúa Daniel de la Sota cunha duración dos traballos de ao redor de dúas semanas, se non xorden dificultades polas condicións metereolóxicas.

A obra comporta un plan especial de tráfico cun corte da circulación na rúa Daniel de la Sota e co traslado da parada de taxis que se atopa nesta rúa á praza de Barcelos, ocupando o aparcamento en batería fronte á rúa Vasco da Ponte. Quedarán libres as prazas destinadas a vehículos para persoas con mobilidade reducida.

O acceso e a saída da rúa Benito Corbal para garaxes e servizos, entre Sagasta e Daniel da Sota, quedará habilitado desde a praza de Barcelos a través de Vasco da Ponte.

Desde o goberno local indican que se instalará sinalización no cruzamento entre Benito Corbal e a praza da Peregrina, e tamén na intersección de Sagasta e Castelao. Ademais, está previsto que durante os primeiros días das obras increméntese a información a condutores coa presenza dun operario de control de acceso a este tramo. Informarase tamén ás persoas residentes e colectivos afectados por este peche.

Estes traballos de reforma aprazáronse para non afectar o período de vendas da campaña de Nadal. A proposta do goberno local é que este cruzamento pase a ser un espazo de estancia, con preferencia de circulación peonil e que encaixe co centro histórico. 

Cambiarase o actual asfalto de cor avermellada por formigón puído confinado entre bandas de pedra. Esta proposta será similar á existente na cabeceira norte da ponte do Burgo e con bordos circulares ao estilo da praza do cruzamento da Rúa da Seca con Casimiro Gómez e Fernando  Olmedo. 

O orzamento desta intervención nun tramo que se enfrontou a diferentes cambios sitúase en 48.000 euros.