O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de recibir do Ministerio de Ciencia e Innovación a "Declaración de Auga Termal" para os mananciais dos Baños de San Xusto.
Cubela sinalou que esto permite seguir avanzando dun xeito positivo na apertura ao público desta estación lúdico e termal que, en palabras do rexedor, "catapultará o turismo en todo o noso municipio".
A pedimento da Xunta de Galicia o Ministerio estudio en profundidade os datos facilitados polo Servizos de Minas onde se acredita e se certifica que despois de seguir unha secuencia temporal requerida as medicións obtidas foron de 24 graos, 23,5 e 23,5 graos centígrados, respectivamente. Acreditouse tamén a procedencia das augas e a protección do acuífero fronte á contaminación.
Segundo sinalou o alcalde "aínda que por esperada non deixa de ser unha magnífica noticia" que agarda que "canto antes poidamos abrir as instalacións ao público en xeral que, espero, sexa o máis axiña posible".
"Estamos axilizando todos os trámites ao máximo para poder compartir coa nosa veciñanza a satisfacción do deber cumprido e que volten a reabrirse as instalacións dos Baños que suporán un auténtico catalizador e impulsor do turismo en todo o noso municipio", indicou o rexedor.