O novo campo de fútbol de Xeve, pensado para ter un "uso continuo"

Pontevedra
02 de agosto 2016

Os técnicos municipais traballan xa no prego de condicións para "tentar rematar a xestión administrativa este ano". O Concello investirá nesta instalación 971.479 euros

Proxecto do novo campo de fútbol de Xeve Concello de Pontevedra

Do mesmo xeito que a pasada semana co de Cerponzóns, o Concello deu a coñecer o proxecto de construción do novo campo de fútbol de Xeve, que estará instalado en Gatomorto.

Antes o campo "estaba pensado para un uso parroquial, e agora queremos que sexa como A Xunqueira, sen parar", explico o concelleiro Demetrio Gómez.

As carácterísticas desta instalación serán similares ás de Cerponzóns, cun terreo de xogo de 105x63 metros, catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, unha enfermería, almacéns, cantina e aseos, aínda que nesta ocasión recuperarase o edificio existente e realizarase unha ampliación, primando que sexa "accesible e funcional", sinalou o edil.

O Concello investirá no campo de fútbol de Xeve, dotado de herba sintética, un total de 971.479 euros.

Ademais, de forma paralela, urbanizarase unha parcela contigua, cedida pola comunidade de montes, na que se habilitará un aparcadoiro.

Os técnicos municipais traballan xa en elaborar durante o mes de agosto o prego técnico coa intención de "tentar rematar a xestión administrativa este ano".