As obras para habilitar un novo centro de saúde en Cotobade no centro multiúsos de Carballedo estarán rematadas nun prazo de tres meses e contará con dúas consultas médicas, dúas salas de enfermaría, aseos e zona de espera.
Así o deu a coñecer o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, tras unha visita este mércores ás obras das futuras instalacións sanitarias en compañía do xerente da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, e o director da obra e redactor do proxecto, Juan José Bande Porto.
Segundo indicou Cubela, o director da obra explicou in situ a "boa marcha" das obras, así como as características e a distribución con que contará o novo centro médico. Tanto o xerente coma o alcalde salientaron a funcionalidade do novo centro médico.
A nova infraestrutura "virá a cubrir unha das demandas veciñais" de contar cun centro asistencial moderno e axeitado ás necesidades da poboación de Cotobade, así como a importancia de achegar os servizos e poder crear un centro forte de servizos para os cidadáns.
O local que se está a acondicionar, situado na planta baixa do centro multiúsos de Carballedo, ten unha superficie de 201,50 metros cadrados. As súas obras son resultado dun convenio subscrito entre o Concello de Cotobade e o Servizo Galego de Saúde en virtude do cal a Administración local se compromete a realizar a reforma e cédeo á Consellería de Sanidade para uso sanitario, conforme a un proxecto consensuado.
En virtude deste convenio, Sanidade comprométese, unha vez aprobadas e rematadas as obras, a trasladar as súas dependencias do centro de saúde emprazado no lugar da Igrexa (Carballedo) á planta baixa do inmoble e devolver ao Concello o local onde se desenvolve na actualidade a súa actividade sanitaria.