O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comprobou este mércores o avance das obras para crear o núcleo de centralidade parroquial de Salcedo.
Acompañado de membros do Consello Parroquial e compañeiros do goberno local percorreu a zona, na que nestes momentos se realizan traballos de xardinería e colocación das pezas de peche do recinto.
Tras acabar esta fase queda por acometer o remate das escaleiras de acceso ao novo auditorio ao aire libre habilitado no lugar.
O que xa está terminado é o percorrido peonil entre as dúas entradas do cemiterio e estanse a mellorar os espazos entre a Casa do Monte e a Casa Verde. Nesas áreas instaláronse unha pista de petanca, outra de chave e un parque infantil, e completarase a actuación con mesas, bancos e árbores froiteiros ademais de iluminación específica en cada un destes lugares.
Como complemento a todo iso, estes días estase a rematar a instalación das medidas de acougado de tráfico diante do colexio do Cruceiro, un proxecto no que se investiron 110.000 euros.