O cerqueiro "Nuevo Marcos", no que tres persoas perderon a vida tras chocar contra unha batea, xa se atopa no peirao de Combarro.
Ao longo de todo o sábado, segundo día de loito oficial en Poio, desenvolvéronse os traballos para reflotar o pesqueiro afundido a uns sete metros de profundidade nas proximidades da illa de Tambo.
Pola mañá un buque equipado cun guindastre retirou os aparellos e as redes do pecio que estaba balizado cunhas aboias.
Xa pola tarde as empresas contratadas pola aseguradora procederon ao izado da embarcación e o seu posterior traslado ao porto onde un guindastre de gran tonelaxe trasladouna a terra.
INVESTIGACIÓN
A Garda Civil tomará declaración nos próximos días aos dous sobreviventes do sinistro, os mozos Carlos Carballa e Adrián Ligero, así como a outras testemuñas vinculadas co sinistro. É un trámite rutineiro para elaborar o atestado que se remitirá ao xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, que se atopaba de garda no momento no que se produciron os feitos.
Paralelamente a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos de Fomento (CIAIM) elaborará o seu propio informe do naufraxio.