O orzamento municipal de 2018 péchase en 75 millóns

Pontevedra
02 de decembro 2017

Pontevedra terá en 2018 un orzamento que, finalmente, rozará os 75,2 millóns de euros. Crece un 3,13% con respecto ao anterior, máis de 2 millóns de euros. O goberno municipal dará o visto bo a estas contas o luns e a súa aprobación producirase nun pleno que se celebrará no prazo dunhas dúas semanas

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra terá en 2018 un orzamento que, finalmente, rozará os 75,2 millóns de euros. Trátase dun notable aumento do 3,13% con respecto ao anterior, ao crecer máis de 2 millóns de euros. O goberno municipal dará o visto bo a estas contas o vindeiro luns e a súa aprobación producirase nun pleno que se celebrará no prazo dunhas dúas semanas.

Como principais novidades, destaca o goberno, ademais de incluír 1,2 millóns adicionais para os proxectos que se executarán con fondos europeos, aparecen 1,8 millóns para novas dotacións do parque de bombeiros, unha partida específica para o barrio de Mollavao ou a nova consignación para o servizo de axuda domiciliaria.

Na memoria que acompaña a este documento, o alcalde de Pontevedra destaca que o orzamento para 2018 recolle "menor débeda, máis investimento real e máis diñeiro para o rural", as tres ideas sobre as que se elaboraron as contas.

Miguel Anxo Fernández Lores engade que foi un orzamento "participado", que recolle as achegas das federacións de veciños, entidades sociais e partidos políticos, especialmente de Marea e do PSdeG-PSOE, que permitirán coa súa abstención -ou o voto a favor no caso da primeira- que sexa aprobado no pleno da corporación.

En materia de ingresos. Fernández Lores destaca que, un ano máis, conxeláronse os impostos e taxas. Así, 27,6 millóns procederán de impostos directos e 20,7 millóns de taxas polo uso de servizos públicos. As multas, pola súa banda, achegarán 1,3 millóns. Ademais, a débeda pública caerá por baixo dos 20 millóns, un 20,75% menos.

Crece, pola súa banda, os gastos en persoal ata os 22,1 millóns e os gastos correntes, que ascenden a 31,7 millóns. Ademais, o alcalde destaca os 820.000 euros que se destinarán a un plan formativo de emprego ou o aumento do 42% da partida destinada a eventos deportivos e promocionais da cidade.

Pontevedra reducirá a contía dos créditos en 2018 e tamén dos intereses que paga e, segundo recolle a memoria do orzamento, crecerán un 14% as transferencias correntes -entre elas Pazo da Cultura e Turismo de Pontevedra- e as subvencións a entidades sociais. Neste punto inclúense, entre outros, os 425.000 euros da renda social.

O alcalde contrapón o ritmo "moi pausado" de actuacións do Estado coa "revitalizada" colaboración coa Xunta

Con respecto aos investimentos, Lores repasa o destino dos 12,7 millóns de euros consignados. Máis aló da ponte do Burgo, o multiusos da Xunqueira ou o Gorgullón, que se reformarán con fondos europeos, aumentan as partidas para abastecemento de auga, iluminación e seguridade viaria nas parroquias do rural.

Haberá diñeiro tamén para a reforma urbana de Loureiro Crespo, novas casas de cultura, o local municipal da rúa dos Ferreiros, as expropiacións do novo acceso a Monte Porreiro, a adquisición de composteiros ou unha nova edición do plan forestal Monte Vivo.

OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

A memoria da Alcaldía contrapón, por outra banda, o ritmo "moi pausado" de actuacións do Estado como o paseo a Marín ou a reforma do nó de Bombeiros coa "revitalizada" colaboración coa Xunta, que se materializará na variante de Alba, o Gran Montecelo, os novos xulgados da Parda, a reforma de Benito Corbal ou un pavillón de ximnasia.

Coa Deputación celebra que se manteña a dinámica "moi positiva" que, en 2018, permitirá financiar novas infraestruturas deportivas, o acceso a Monte Porreiro por Tafisa, a nova entrada a Príncipe Felipe, o saneamento do río Gafos, a Rolda Leste, a mellora de estradas no rural ou o plan de compostaxe.

Todo iso contribuirá, resume o alcalde, a "seguir consolidando" a marca Pontevedra, contribuír ao "progreso socioeconómico" da cidade, a priorizar as políticas sociais que melloren a calidade de vida dos cidadáns e a afrontar dous "grandes retos": o avance da compostaxe e a rehabilitación da "histórica" ponte do Burgo.