Moito se falou das Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se está celebrando en Madrid. Foi coa presentación da campaña Sigue o teu instinto, coa que a Deputación de Pontevedra promoverá durante 2020 os atractivos naturais da provincia.
O stand de Galicia en FITUR encheuse de xente para asistir ao evento en directo no que a Deputación presentou unha proposta que pretende atraer aos visitantes a Pontevedra a través de unha aposta baseada na natureza, na sensibilidade e na vangarda das Rías Baixas.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, rodeouse das actrices Celia Freijeiro e Jazmín Abuín e do xornalista Xabier Fortes, como embaixadores da provincia, para intercambiar ideas sobre a paz que transmite o "paraíso natural" que forman as Rías Baixas.
A provincia de Pontevedra, destacou Silva, ten "todos os ingredientes" para que os visitantes poidan "deterse, mirar, reencontrarse con si mesmos e gozar doutra forma de facer turismo en harmonía coa natureza", como se recolle no audiovisual que acompaña a esta campaña.
Sigue o teu instinto fai fincapé, segundo a presidenta provincial, en que "somos parte da natureza" e que hai lugares, como a provincia de Pontevedra, "que nos permiten recordalo e reencontrarnos con ela".
Deste xeito, subliñou ante os asistentes que "vivimos nun paraíso" onde temos "incribles paisaxes" tanto de costa como de interior e animounos a visitar Pontevedra porque "non hai outro sitio para gozar dunha natureza marabillosa".
As actrices Celia Freijeiro e Jazmín Abuín, ao igual que o xornalista Xabier Fortes, destacaron a capacidade da provincia de Pontevedra para "desconectar, fuxir do estrés e conectar cun mesmo, coa esencia e a raíz" e louvaron a beleza natural das Rías Baixas, onde calquera pode "relaxarse, sentir e seguir o noso instinto".
A esencia da natureza das Rías Baixas espallouse por FITUR tamén a través dun agasallo único que forma parte dunha obra de arte efémera e colectiva. Neste caso foron "bombas de biodiversidade" con especies autóctonas e representativas da provincia de Pontevedra.
O agasallo, elaborado por unha empresa sustentable da provincia e cun packaging realizado polo centro Juan María, inclúe no seu interior herbas de San Xoán, perexil de mar e breixo.
Ademais trátase dun regalo en edición limitada, con 500 unidades que forman parte dunha obra de arte elaborada polas ilustradoras Doa Oa e Elara Elvira que prepararon un mural-puzle con 500 pezas, unha por cada unha das caixas-agasallo que se repartiron en FITUR.
Deste xeito, cada caixa conta cun código QR no exterior que, ao escanealo, remite a unha parte dese mural formando, así, parte dunha obra de arte efémera colectiva.
A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer en directo, case no mesmo momento do fallo do xurado, que a campaña Fame de experiencias coa que a institución provincial promoveu a provincia durante o 2019, recibiu o premio ao mellor audiovisual de promoción de produto turístico de España FITUR 2020.