O parking de Montero Ríos seguirá pechado uns días para arranxar os estragos do incendio

Pontevedra
03 de agosto 2014

O de Montero Ríos é o único dos dous aparcadoiros afectados que segue pechado. Segundo os seus responsables estarao aínda un par de días. Probablemente ata o martes, xa que os danos que se produciron na instalación eléctrica son considerables. Ademais, haberá que limpar todas as instalacións antes volver ao traballo. Pola súa banda, o da Praza de España xa reabriu durante a madrugada, despois de ser ventilado apropiadamente

Xente facendo cola na entrada do aparcadoiro de Montero Ríos para retirar o seu vehículo
Xente facendo cola na entrada do aparcadoiro de Montero Ríos para retirar o seu vehículo / PontevedraViva

Xornada atafegada a deste domingo no aparcadoiro de Monteiro Ríos. Dende primeira hora da mañá, foron pasando a maioría das persoas que onte á noite non puideron retirar os seus vehículos debido ao incendio que se produciu nun coche estacionado no seu interior. Xa puideron acceder a eles, despois de que as instalacións se ventilasen durante toda a noite e a Policía Local autorizase a entrada dos particulares.

Só se pode acceder ao seu interior pola entrada principal situada na rúa Raíña Vitoria. Todos os demais accesos seguen bloqueados por motivos de seguridade. Cada condutor, tras dar os seus datos persoais ao persoal da empresa, era acompañado por un traballador do aparcadoiro ata os seus respectivos vehículos. Ningún deles tiña máis danos que os causados polo fume negro e intenso que se produciu durante o incendio.

Moitos dos que xa retiraron o seu vehículo non viven en Pontevedra. Ao non se o poder levar onte á noite, tiveron que pagarse un taxi ou quedar a pasar a noite nun hotel da cidade. Todos eses gastos compensaránselles, pero todas as reclamacións haberán de realizalas a través das súas respectivas compañías de seguros, segundo lles informaron ao longo deste domingo.

O de Montero Ríos é o único dos dous aparcadoiros afectados que segue pechado. Segundo os seus responsables estarao aínda un par de días. Probablemente ata o martes, xa que os danos que se produciron na instalación eléctrica son considerables. Ademais, haberá que limpar todas as instalacións antes volver ao traballo. Pola súa banda, o da Praza de España xa reabriu durante a madrugada, despois de ser ventilado apropiadamente.

Pola súa banda, continúan as investigacións sobre o sucedido. Axentes da policía científica precintaron a zona na que se produciu o incendio e analizaron o vehículo en cuestión, situado no segundo soto do aparcadoiro. Espérase que o turismo, que segundo diversas fontes levaba tempo abandonado no aparcadoiro, poida ser retirado nas próximas horas.