O parking de Veteris, sen noivas

Pontevedra
21 de novembro 2017

Ningunha das tres empresas que se interesaron pola xestión do aparcadoiro subterráneo de Veteris, na rúa Antón Fraguas, formalizou finalmente a súa oferta para facerse coa explotación das instalacións. Así, o concurso quedou deserto

Aparcamento Veteris, na rúa Antón Fraguas PontevedraViva

Ningunha das tres empresas que se interesaron pola xestión do aparcadoiro subterráneo de Veteris, na rúa Antón Fraguas, formalizou finalmente a súa oferta para facerse coa explotación das instalacións. Así, o concurso quedou deserto, segundo avanzou este martes o edil de Patrimonio, Vicente Legísima.

Para regular a situación urbanística do aparcadoiro, o Concello optara por licitar un contrato por 68 anos. As empresas debían estar dispostas a pagar un canon inicial de 3.263.377 euros, a indemnización que habería que pagar á actual concesionaria se non fora a elixida no concurso pola liquidación da adxudicación anterior.

A partir de aí, terían que satisfacer un canon anual de 24.000 euros. Ao longo de toda a concesión supoñería 1.632.000 euros para as arcas municipais.

A isto súmase que a empresa que explota o aparcadoiro presentou un recurso contra este concurso, ao entender como excesivo o custo das obras necesarias para dividir a parte pública e privada do parking. Os servizos xurídicos están a ultimar a resposta.

Vicente Legísima explicou que, como plan B, o Concello tramitará un procedemento negociado sen publicidade, no que se convidarán a varias empresas, para ver se se pode adxudicar a xestión do aparcadoiro de forma directa.

Se esta opción tamén fracasa, outra posibilidade sería que o Concello optase por explotar o aparcadoiro de forma directa, aínda que segundo o edil do BNG por agora esa opción non está sobre a mesa. Esgotaranse, por tanto, todas as posibilidades que unha empresa privada fágase cargo do mesmo.