O parking para autocaravanas empezará a executarse en outubro

Pontevedra
12 de setembro 2016

En outubro. É a data que baralla o Concello de Pontevedra para comezar a habilitar nos antigos terreos de Tafisa un parking para autocaravanas, unha infraestrutura que contará con vinte prazas para este tipo de vehículos

Apertura ao público da parcela de Tafisa

En outubro. É a data que baralla o Concello de Pontevedra para comezar a habilitar nos antigos terreos de Tafisa un parking para autocaravanas, unha infraestrutura que contará con vinte prazas para este tipo de vehículos.

A Xunta de Goberno aprobou este luns o proxecto e acordou sacar a licitación estes traballos, valorados en 209.385,29 euros, IVE incluído.

As empresas interesadas neste contrato, que se licita mediante a fórmula de negociado sen publicidade, teñen cinco días para presentar as súas ofertas.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que os pregos deste proxecto marcan un prazo de execución de tres meses, polo que o parking debería estar terminado, como moi tarde, a principios de 2017.

O estacionamento para autocaravanas só ocupará un terzo da parcela na que se situará, a que estaba reservada para hotel e que será utilizada mentres non haxa interesados en comprala. O resto será habilitado como aparcadoiro disuasorio, que terá espazo para 66 vehículos.

OUTROS ASUNTOS

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou unha nova modificación de crédito de 1.079.000 euros. Destinarase, se así se aproba no pleno, a expropiación de terreos, melloras nos edificios do mercado, a aumentar as primas dos seguros de inmobles municipais e a amortización de débeda.

Tamén se adxudicou a Abanca o préstamo de 2,6 millóns de euros que solicitará o Concello para financiar os investimentos recollidos no orzamento municipal. Segundo Raimundo González, a entidade presentou a mellor proposta, situando o interese do crédito no euribor máis 0,95.