O persoal da Policía Local de Sanxenxo reforzarase este verán con 34 auxiliares

Sanxenxo
20 de marzo 2022

Catro axentes incorporaranse antes de Semana Santa e o resto, que sairá da convocatoria da Academia  Galega de  Seguridade Pública, no mes de xuño

Policía Local de Sanxenxo
Policía Local de Sanxenxo /

Sanxenxo continúa cos preparativos dos servizos para a tempada de verán cando a poboación increméntase exponencialmente. E é precisamente a Policía Local un dos departamentos que rexistra un maior reforzo de persoal. 

O persoal actual está formado por 23 axentes, 8 deles actualmente de baixa, aos que se sumarán antes de Semana Santa catro novos auxiliares e en xuño chegará o reforzo de 30 máis que sairán da convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

O proceso selectivo que se realiza de forma centralizada na Agasp abriuse este venres 18 e concluirá o 31 de marzo. As probas incluirán un cuestionario tipo test, probas de aptitude física, e tamén deberá acreditarse o coñecemento da lingua galega ou realizar a correspondente proba de avaliación lingüística.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente por sede electrónica da Xunta a través do formulario. Poderán inscribirse aspirantes que cumprisen xa os 18 anos, teñan título de graduado en ESO ou equivalente, e unha estatura mínima de 1,60 metros, no caso das mulleres, e 1,65, no caso dos homes.

Máis adiante, publicarase no DOG a listaxe de persoas admitidas e excluídas, e na páxina web da  Agasp, as datas das probas selectivas e o resto das comunicacións relacionadas con este proceso.