O persoal do Concello de Soutomaior recibe formación para a captación de fondos e subvencións

Soutomaior
26 de setembro 2023

O Concello de Soutomaior segue a traballar para a captación de fondos e subvencións que lle permitan desenvolver proxectos e iniciativas

Casa do Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior segue a traballar para a captación de fondos e subvencións que lle permitan desenvolver proxectos e iniciativas. 

Neste sentido, puxo a disposición do persoal responsable un curso de formación sobre a captación de subvencións que permitirá axilizar os procedementos e incrementar a efectividade á hora de solicitar fondos das diferentes administracións.

O curso céntrase tanto na captación de fondos e subvencións como na concesión destes por parte do Concello de Soutomaior. Con esta formación o persoal abordará todo o proceso para a captación de subvencións (ben sexan da Xunta, do Goberno español ou da Unión Europea), desde o momento da solicitude inicial ata o proceso de xustificación da contía concedida.

O concelleiro de Facenda, Diego Moreira, lembrou que "no pasado foron múltiples as subvencións e axudas para o desenvolvemento de proxectos que a anterior administración perdeu. O goberno de Soutomaior ten claro que iso non pode volver a pasar. Por iso traballamos para aproveitar ao máximo estes fondos e construír un Soutomaior de futuro para toda a veciñanza".

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou que "o obxectivo de fomentar a formación do persoal responsable no Concello da captación de fondos e subvencións é conseguir máis recursos para a posta en marcha de proxectos que beneficien a Soutomaior e a súa veciñanza". 

"O goberno de Soutomaior aposta por aproveitar todo o impulso que nos poden dar as subvencións das administracións autonómicas, estatais e europeas", sinalou o alcalde Manu Lourenzo.