O 17 de xullo finalizaba a folga de máis de 200 días do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC' s) ao alcanzar os representantes do comité de folga un acordo co Sergas. Con todo, o persoal segue a denunciar situacións de conflito nos servizos dependentes da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
O colectivo da área Pontevedra e O Salnés sinala que os médicos saben en que lugar comezan as gardas pero non onde as van rematar. Esta situación rexistrouse este mércores 24 cando un dos facultativos que debería atender a quenda de noite no PAC da Parda foi desprazado a última hora da tarde ao Centro de Saúde de Baltar para asumir alí a garda de noite no PAC. Desta forma sinalan que comezou a garda ás 17.00 horas na Parda e finalizábaa ás 08.00 horas deste xoves 25 en Baltar.
Tamén denuncian o caso doutra doutora en Cambados, á que foron modificándolle o horario da quenda ao longo da xornada e que esta mañá do 25 de xullo se atopaba á espera de que outro compañeiro do PAC de Vilagarcía a puidese relevar en Cambados.
O persoal entende que non existen plans de continxencia previstos por parte da xerencia. Afirman tamén que obrigaron os facultativos a realizar gardas na única fin de semana libre do mes. Ante esta situación, lamentan a organización destes servizos por parte do Sergas e aseguran que os traballadores son os que están a resolver a situación ante a falta de previsión da xerencia.