Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra

Pontevedra
28 de xullo 2019

Representantes dos traballadores denuncian a mala planificación da xerencia á que culpan de estar ofrecendo un servizo deficiente nos Puntos de Atención Continuada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Prosagap alerta de que o peche de camas nos Hospitais de Pontevedra causa saturación en Urxencias

Centro de Saúde de Cambados
Centro de Saúde de Cambados

Persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC' s) da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volven denunciar a situación de colapso que sufren por falta de previsión desde a xerencia. Afirman que entre as 08.00 e as 23.59 horas deste sábado, o PAC de Cambados atendeu 141 persoas, debido a que os facultativos tiveron que reforzar o servizo de Atención Primaria. Unha situación alarmante derivada da falta de médicos suficientes nos centros de saúde, segundo denuncian os traballadores.

Durante esta fin de semana, no Centro de Saúde da Parda só figuran dous médicos no canto dos tres que lle corresponde, co problema de que cando se produce un traslado por emerxencia só queda un médico no PAC. 

O sindicato Prosagap denuncia que a situación é crítica con graves problemas de cobertura en todos os centros de saúde e  PAC's da provincia, unha situación que se deriva, segundo explican, da mala programación e da falta de contratación que se produciu nos centros de Atención Primaria e nos Hospitais públicos.

Utilizan como exemplo a situación que se rexistra en Caldas de Reis onde o médico que se atopa no PAC permanece 14 horas no seu posto ao verse obrigado pola xerencia a traballar na súa fin de semana libre, ademais de ter que realizar as súas quendas de 7 horas do luns e de 17 horas do martes. En total, 38 horas de traballo durante tres días continuados.

A esta situación,  Prosagap suma o peche de camas hospitalarias. Unha decisión que provoca que non haxa, segundo o sindicato, camas dispoñibles para as persoas que se atopan en Urxencias á espera de ingresar en planta.

Piden ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que explique por que non abre as camas pechadas e que se estableza unha estabilidade na contratación de profesionais con contratos de longa duración que, segundo  Prosagap, evitaría a marcha dos facultativos a outros puntos de destino.

Este luns 29, o conselleiro ten previsto visitar o Hospital Montecelo para manter un encontro co persoal e sindicatos para ofrecer máis datos sobre o futuro Gran Montecelo.